Os tempos son chegados: Despedida e peche

Dous anos cheos de vivencias. Dous anos nos que, entre outras moitas cousas tivo collida esta pequena ventana o mundo, dende a que amosar, explicar e comentar todo o que día a día ia acontecendo nesta aventura diaria que é colaborar coa difícil tarefa educativa dos nosos nenos e nenas.

Dous anos nos que dende esta modesta plataforma, construida por e para todos e nacida coa vontade de ser escaparate e altofalante da nosa comunidade, houbo sitio, entre outras cousas, para preto de 80 artigos publicados en cinco diferentes categorías que foron visitados en máis de 7000 ocasións, máis de 1300 fotografías publicadas en 22 álbumes que foron vistas máis de 16000 veces, a publicación de vídeos que foron reproducidos en máis de 500 ocasións…

Acadouse, en definitiva, unha modesta pero fiel comunidade pendente sempre das últimas novidades que estaban a acontecer neste pequeno pero importante mundo.

Pero todo ten o seu remate, e ista aventura, non ía ser unha excepción. Efectivamente, tal e como se anunciara xa hai algunhas datas, a xunta directiva da ANPA do CEIP de Monterroso considera que é tempo de tomar un descanso e deixar paso a un novo grupo de persoas, que con ideas novas e espírito emprendedor continúen traballando a prol da educación dos nenos e as nenas do noso concello.

Ningunha despedida é doce, e esta non é unha excepción. Levamos connosco unha morea de vivencias inesquecibles, un sinfín de experiencias enriquecedoras, cantidades inxentes de sorrisos e miradas que valen un mundo, e por riba e todo, a satisfacción de ter estado preto dos nosos nenos e nenas nesta etapa da vida intensa e irrepetible.

O noso tempo chegou o seu fin. Coidamos que nos gañamos o dereito a un tempo de descanso, de acougo, de recarga vital dunha actividade vivificante pero esgotadora. Sabemos que a pesares de poñer sempre o mellor de nós mesmas en cada paso que estabamos a dar, non sempre se acadou o resultado apetecido. Sabemos tamén que case nunca camiñabamos solas.

Non podemos esquecer os  apoios recibidos. Sería imposible lembrar tódalas axudas e colaboracións que fixeron posible que moitas das iniciativas levadas a cabo por esta ANPA chegasen a bo porto. Grazas.

Só nos queda despedirnos, agradecer de novo a vosa compaña o longo do camiño que fixo máis levadeira e enriquecedora esta viaxe conxunta e desexarlles a este a novo grupo que conforman a nova directiva moitos ánimos e enerxía para afrontar as moitas tarefas que teñen por diante. Contan co noso apoio e coa nosa axuda.

Unha nova travesía comeza…

Esta entrada foi publicada en Varios. Ligazón permanente.

Deixar un comentario